O Equipo de Dinamización da Língua Galega, organiza, como cada ano, “As nosas letriñas”, proxecto adicado a un escritor ou escritora, ilustrador ou ilustradora, que escriban en galego para nenos e poidan visita-lo centro.
Ata o de agora xa pasaron polo noso centro Mon Daporta, Moncho Caride, Eduardo Baamonde, Chema Heras, Fina Casalderrey e Abraham Carreiro.
Desta volta, no ano 2014, “As nosas letriñas” están adicadas a Xosé Neira Vilas, autor do considerado o primeiro clásico da literatura infantil e xuvenil galega “Memorias dun neno labrego”, e que estará connosco o xoves 22 de maio a partires das 12:00h.
Xosé Neira Vilas naceu en Gres, Vila de Cruces, en 1928. En 1949 emigrou a Buenos Aires onde tomou conciencia da identidade de Galiza en contacto cos intelectuais do exilio. En 1957 casou con Anisia Miranda, coa que fundou a editoral Follas Novas para difundir o libro galego en América. En 1961 foron vivir a Cuba. Traballou na Administración e fixo xornalismo literario. En 1969 fundou a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vinte e dous anos. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presenza da emigración galega en América. Volta a Galiza, na súa aldea natal de Gres preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas. É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario